Tornado

Tornado.
Un tornado de auga preto dos Caios de Florida, EEUU.
Un remuíño de lume.
Un tornado preto de Seymour, Texas, EEUU.
Evolución dun tornado. A imaxe foi creada a partir de oito imaxes tomadas secuencialmente cando se formou un tornado o 24 de maio de 2016 ao norte de Minneola, Kansas, EUA. Esta prolífica supercélula produciu polo menos doce tornados e ás veces dous ou tres tornados á vez.

Un tornado é unha masa de aire con alta velocidade angular que ten o seu extremo inferior en contacto coa superficie da Terra e o superior cunha nube cumulonimbus ou, excepcionalmente, coa base dunha nube cumulus. Trátase do fenómeno atmosférico ciclónico de maior densidade enerxética da Terra, aínda que de pouca extensión e de curta duración (desde segundos ata máis dunha hora).

Este fenómeno meteorolóxico consiste nun remuíño de vento que xira a gran velocidade destruíndo todo canto atopa ao seu paso.[1] Ten forma de gran cheminea industrial. A súa orixe é unha nube grande tormentosa, dende a cal vai xurdindo a tornado ata chegar a manter contacto coa terra.

Os tornados preséntanse en diferentes tamaños e formas pero xeralmente teñen a forma dunha nube embude, cuxo extremo máis angosto toca o chan e adoita estar rodeado por unha nube de residuos e po, polo menos, nos seus primeiros instantes. A maioría dos tornados contan con ventos que chegan a velocidades de entre 65 e 180 km/h, miden aproximadamente 75 metros de ancho e trasládanse varios quilómetros antes de desaparecer. Os máis extremos poden ter ventos con velocidades que poden xirar a 450 km/h ou máis, medir ata 2 km de ancho e permanecer tocando o chan ao longo de máis de 100 km de percorrido.

Entre os diferentes tipos de tornados están as trombas terrestres, os tornados de vórtices múltiples e as trombas mariñas. Estas últimas fórmanse sobre corpos de auga, conectándose a cumulus e nubes de tormenta de maior tamaño, pero considéraselles tornados porque presentan características similares aos que se forman en terra, como a súa corrente de aire en rotación en forma de embude. As trombas mariñas polo xeral son clasificadas como tornados non-supercelares que se forman sobre corpos de auga.[2] Estas columnas de aire frecuentemente xéranse en áreas intertropicais próximas aos trópicos ou nas áreas continentais das latitudes subtropicais das zonas temperadas, e son menos comúns en latitudes maiores, próximas aos polos ou nas latitudes baixas, próximas ao ecuador terrestre.[3] Outros fenómenos similares aos tornados que existen na natureza inclúen ao gustnado e os remuíños de po, de lume e de vapor.

Os tornados son detectados a través de radares de impulsos Doppler, así como visualmente polos cazadores de tormentas. Observáronse tornados en todos os continentes excepto na Antártida. No entanto, a gran maioría dos tornados do mundo prodúcense na rexión estadounidense coñecida como Tornado Alley[4] e é seguida polo Corredor dos Tornados que afecta o noroeste, centro e sur da Arxentina, o suroeste do Brasil, e o sur de Paraguai e o Uruguai, en Suramérica.[5][6] Tamén ocorren ocasionalmente no centro-sur e leste de Asia, sur de África, noroeste e sueste de Europa, oeste e sueste de Australia e en Nova Zelandia.[7]

Existen varias escalas diferentes para clasificar a forza dos tornados. A escala Fujita-Pearson avalíaos segundo o dano causado, e foi substituída nalgúns países pola escala Fujita mellorada, unha versión actualizada da anterior. Un tornado F0 ou EF0, a categoría máis débil, causa dano a árbores pero non a estruturas. Un tornado F5 ou EF5, a categoría máis forte, arrinca edificios dos seus cimentos e pode producir deformacións estruturais significativas en rañaceos.[8] A escala TORRO vai do T0 para tornados extremadamente débiles ao T11 para os tornados máis fortes que se coñecen.[9] Tamén poden analizarse datos obtidos de radares Doppler e patróns de circulación deixados no chan (marcas cicloidais) e usarse fotogrametría para determinar a súa intensidade e asignar un rango.[10]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Tornado.
  2. Glossary of Meteorology (2000). "Waterspout" (en inglés). American Meteorological Society. Consultado o 26 de xullo do 2015. 
  3. National Weather Service (3 de febreiro de 2009). "15 January 2009: Lake Champlain Sea Smoke, Steam Devils, and Waterspout: Chapters IV and V" (en inglés). Administración Nacional Oceánica e Atmosférica. Consultado o 26 de xullo do 2015. 
  4. Perkins, Sid (11 de maio de 2002). "Tornado Alley, USA". Science News (en inglés). p. 296–298. Arquivado dende o orixinal o 25 de agosto de 2006. Consultado o 26 de xullo do 2015. 
  5. Macías Medrano, Jesús Manuel. "Descubriendo tornados en México" (PDF). Diccionario Temático CIESAS (en castelán). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23 de setembro de 2015. Consultado o 26 de xullo do 2015. 
  6. "Modelado Numérico de Tornados." (PDF) (en castelán). 2011. Consultado o 26 de xullo do 2015. 
  7. "Tornado: Global occurrence" (en inglés). Encyclopædia Britannica Online. 2009. Consultado o 26 de xullo do 2015. 
  8. "High rise building: greater than 20 stories (HROB)" (en inglés). Consultado o 26 de xullo do 2015. 
  9. Meaden, Terrance (2004). "Wind Scales: Beaufort, T — Scale, and Fujita's Scale" (en inglés). Tornado and Storm Research Organisation. Arquivado dende o orixinal o 30 de abril de 2010. Consultado o 26 de xullo do 2015. 
  10. "Enhanced F Scale for Tornado Damage". Storm Prediction Center (en inglés). Administración Nacional Oceánica y Atmosférica. 1 de febreiro de 2007. Consultado o 26 de xullo do 2015. 

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search